(Que agardamos?)

Publicación orixinal en Enlace Zapatista.

Calquera día, calquera mes de calquera ano.

Secas. Asolagamentos. Sismos. Erupcións. Contaminación. Pandemias actuais e futuras. Asasinatos de líderes de pobos orixinarios, de defensores dos dereitos humanos, de gardas da Terra. Violencia de xénero escalada até o xenocidio contra as mulleres –o suicidio imbécil da humanidade-. Racismo non poucas veces mal agochado detrás da dádiva. Criminalización e persecución da diferenza. A condenación irremediable da desaparición forzada. Represión como resposta a demandas lexítimas. Explotación dos máis polos menos. Grandes proxectos de destrución de territorios. Poboados desolados. Desprazados por millóns, agochados baixo a figura de “migración”. Especies en perigo de extinción ou xa só un nome no cartafol de “animais prehistóricos”. Xigantescas ganancias dos más ricos dos ricos do planeta. Miseria extrema dos máis pobres dos necesitados do mundo. A tiranía do diñeiro. A realidade virtual como saída falsa fronte á realidade real. Estados Nacionais agonizantes. Cada individuo un estraño inimigo. O embuste como programa de goberno. O frívolo e superficial como ideais a acadar. O cinismo como nova relixión. A morte como cotiandade. A guerra. Sempre a guerra.

A tormenta levando todo por diante, rumoreando, aconsellando, berrando:

Réndete!

Réndete!

RÉNDETE!

E con todo…

Alá, preto e lonxe dos nosos chans e ceos, hai alguén. Unha muller, un home, unoa otroa, un grupo, un colectivo, unha organización, un movemento, un pobo orixinario, un barrio, unha rúa, un poboado, unha casa, unha habitación. No recuncho máis pequeno, máis esquecido, máis afastado, hai alguén que di “NON”. Que o di quedo, que apenas se oe, que o berra, que o vive e mórreo. E rebélase e resiste. Alguén. Hai que buscalo. Hai que atopalo. Hai que escoitalo. Hai que aprendelo.

Aínda que teñamos que voar para abrazalo.

Porque, despois de todo, voar é só outra forma de camiñar. E, ben, camiñar é o noso modo de loitar, de vivir.

É por iso que, na Travesía pola Vida, que agardamos? Agardamos poder ollar o seu corazón. Agardamos que non sexa demasiado tarde. Agardamos… todo.

Dou Fe.
SupGaleano.
Planeta Terra… ou o que queda del.

«On lâche rien» en Francés, Español, Catalán, Euskera, Galego. Interpretada por: HK et les SALTIMBANKS con LA PULQUERIA, TXARANGO, LA TROBA KUNG-FÙ, FERMIN MUGURUZA et DAKIDARRIA.

Categories: porlavida