Publicación orixinal en Enlace Zapatista.

Xuño do 2021.

Unha aclaración: moitas veces, cando nós usamos o “os zapatistas” non nos estamos a referir aos varóns, senón aos pobos zapatistas. E cando usamos “as zapatistas”, non describimos ás mulleres, senón ás comunidades zapatistas. É por iso que atopará vostede ese “salto” de xénero na nosa palabra. Cando nos referimos ao xénero, sempre engadimos “otroa” para sinalar a existencia e loita de quen non son nin homes nin mulleres (e que a nosa ignorancia no tema impídenos detallar -máis xa aprenderemos a nomear todas as diferenzas-).

-*-

Agora ben, o primeiro que ten vostede que saber ou entender é que os zapatistas, cando imos facer algo, preparámonos primeiro para o peor. Pártese dun final de fracaso, e, en sentido inverso, preparámonos para enfrontalo ou, no mellor dos casos, evitalo.

Por exemplo, imaxinamos que nos atacan, as masacres de rigor, o xenocidio vestido de civilización moderna, o exterminio total. E preparámonos para esas posibilidades. Ben, para o Primero de Xaneiro de 1994, non imaxinamos a derrota, asumímola como unha certeza.

Ao fin, que quizáis iso lle axude a vostede a entender o por qué do noso pasmo inicial, as nosas vacilacións e unha improvisación desconcertante cando, despois de moito tempo, traballo e preparación para a ruína, atopámonos con que… vivimos.

A partir dese escepticismo é que se desenvolven as nosas iniciativas. Algunhas pequenas, outras máis grandes, delirantes todas, as nosas convocatorias sempre van dirixidas a “o outro”, o que está más aló do noso horizonte cotiá, pero que recoñecemos como algo que é preciso na loita pola vida, é dicir, na loita pola humanidade.

Nesta iniciativa ou aposta ou desvarío ou absurdo, por exemplo, na súa versión marítima preparámosnos para que o Kraken, unha tormenta ou unha balea branca extraviada fixeran naufragar a embarcación, por iso fabricamos caiucos -e viaxaron co Escuadrón 421 en La Montaña até chegar a Vigo, Galiza, Estado Español, Europa-.

Tamén preparámosnos para non ser benvidos, por iso procuramos antes o consenso para a invasión, é dicir, a visita… Ben, diso de ser “benvidos” non estamos aínda moi seguros. Para máis dun, unha, unoa, a nosa presenza é perturbadora, cando menos, cando non francamente rompedora. E entendémolo, pode ser que a alguén, despois dun ano ou máis de estar en confinamento, lle resulte cando menos inoportuno que un grupo de indíxenas de raíz maia, tan pouca cosa como produtores e consumidores de mercancías (electorales e non), pretenda conversar en persoa. En persoa! (lembra vostede que antes iso era parte da súa cotiandade?). E, amáis, que teña como misión principal o escoitalo a vostede, fartalo de preguntas, compartir pesadelos e, claro, soños.

Preparámosnos para que os malos gobernos, dun e doutro lado, nos impidan ou obstaculicen a saída e a chegada, por iso algunhas e algúns zapatistas xa estabamos en Europa… Ups, non debín escribir iso, riscádeo. Xa sabemos que o goberno mexicano non porá trabas. Falta ver que din e fan os demais gobernos europeos –porque Portugal e o Estado Español non se opuxeron-.

Preparámosnos para que fracase a misión, é dicir, que mude nun evento mediático e, polo mesmo, efémero e nimio. Por iso primordialmente aceptamos os convites de quen queren escoitar e falar, conversar. Porque o noso obxectivo principal non son os actos masivos –aínda que non os rexeitamos-, máis ben o troco de historias, coñecementos, sentimentos, valoraciónss, retos, fracasos e éxitos.

Prepararémosnos para que falle o avión, por iso fabricamos paracaídas con bordados de moitas cores para que, en lugar dun “Día D” en Normandía (oh, oh, quere dicir iso que o desembarco aéreo sería en Francia?? eh?? en París?!), sexa un “Día Z” para a Europa de abaixo, e parecerá entón que do ceo, choven flores coma se Ixchel, deusa nai, deusa arco da vella, nos fixese compaña e, da súa man e co seu voo, abrir unha segunda fronte para a invasión. E máis seguro porque agora, grazas á Galiza de abaixo, o escuadrón 421 logrou afianzar unha cabeza de praia nas terras de Breogán.

En suma, sempre nos preparamos para fracasar… e para morrer. Por iso a vida, para o zapatismo, é unha sorpresa que hai que celebrar todos os días, acotío. E que máis que mellor se é con bailes, música, artes.

Durante todos estes anos aprendemos moitas cousas. Seica a máis importante é decatarnos do pequenos que somos. E non me refiro a estatura e peso, senón ao tamaño do noso empeño. Os contactos con persoas, grupos, colectivos, movementos e organizacións de diferentes partes do planeta, mostráronnos un mundo diverso, múltiple e complexo. Con isto reforzouse a nosa convicción de que toda proposta de hexemonía e homoxeneidade non só é imposible, é, sobre todo, criminal.

Porque os intentos -non poucas veces ocultos detrás de nacionalismos de cartón pedra nos escaparates do mal da política electoral-, de imposición de modos e olladas, son criminais porque pretenden o exterminio de diferenzas de todo tipo.

O outro é o inimigo: a diferenza de xénero, racial, de identidade sexual ou asexual, de lingua, de cor de pel, de cultura, de credo ou descredo, de concepción do mundo, de físico, de estereotipo de beleza, de historia. Contando con todos os mundos que no mundo son, practicamente hai tantos inimigos, actuais ou potenciais, como seres humanos.

E poderiamos dicir que case calquera afirmación de identidade é unha declaración de guerra para o diferente. Dixen “case”, e a ese “case” nos aferramos como zapatistas que somos.

-*-

Segundo os nosos modos, os nosos almanaques e na nosa xeografía, chegamos á conclusión de que sempre é posible que o pesadelo empeore. A pandemia do chamado “Coronavirus” non é a apocalipse. É só o seu preludio. Se os medios de comunicación e as redes sociais queríannos tranquilizar, antes, “informando” sobre a extinción dun glaciar, dun terremoto, dun tsunami, dunha guerra nunha parte afastada do planeta, do asasinato doutro indíxena por paramilitares, dunha nova agresión a Palestina ou ao pobo mapuche, da brutalidade gobernamental en Colombia e Nicaragua, de imaxes de campos de migrantes que son doutro lugar, outro continente, outro mundo, e así nos convencen de que iso “pasa noutro lado”; en tan só unhas semanas, a pandemia demostrou que o mundo pode ser apenas unha pequena parroquia egoísta, necia e vulnerable. Os distintos gobernos nacionais son as cuadrillas que pretenden controlar, con violencia “legal”, unha rúa ou un barrio, pero o “capo” que controla todo é o capital.

En fin, que veñen cousas peores. Pero iso vostede xa o sabía, non?. E se non, pois xa vai sendo hora de que se decate. Porque, ademais de tratar de convencelo de que os pesadumes e as desgrazas sempre serán alleas (ata que deixan de selo e sentan con vostede á mesa, pertúrbanlle o soño e déixano sen bágoas), dinlle que a mellor forma de enfrontar esas ameazas é individualmente.

Que o mal evítase afastándose del, construíndo o seu mundo estanco, e facéndoo cada vez máis estreito ata que só cabe o “eu, o meu, me, comigo”. E para iso, pois lle ofrecen “inimigos” a modo, sempre cun flanco débil e ao que é posible derrotar adquirindo, oia vostede, este artigo que, mire que casualidade, por esta única ocasión, temos en oferta e poderá vostede adquirilo e recibilo na porta do seu bunker en cuestión de horas, días… ou semanas, porque a máquina descubriu, oh sorpresa, que a paga depende tamén da circulación das mercadorías, e que, se ese proceso se detén ou entra en letarxia, a besta sofre… así que tamén é negocio a súa distribución e repartición.

Pero, como zapatistas que somos, estudamos e analizamos. E queremos confrontar as conclusións ás que chegamos, con científicos, artistas, filósofos e analistas críticos de todo o mundo.

Pero non só, tamén e especialmente con quen, na cotiandade das súas loitas, padeceron e advertiron as desgrazas por vir. Porque, no que ao social refírese, temos en alta estima a análise e a valoración de quen se xoga o pelello no combate contra a máquina, e somos escépticos da de quen, desde a óptica externa, opina, valora, aconsella, xulga e condena ou absolve.

Pero, ollo, consideramos que esa mirada crítica “outsider” é necesaria e vital, porque permite ver cousas que non se miran no fragor da loita e, atención, achega coñecementos sobre a xenealoxía da besta, as súas transformacións e o seu funcionamento.

En fin, que queremos falar e, sobre todo, escoitar a quen lle preste. E tanto nos ten a súa cor, tamaño, raza, sexo, relixión, militancia política ou tropezón ideolóxico, se é que coincide no retrato falado da máquina asasina.

Porque se, cando falamos do criminal, alguén o identifica co destino fatídico, a mala sorte, “a orde natural das cousas”, o enfado divino, a desidia ou o desenfado, pois aí non temos ningún interese en escoitar nin en falar. Para coñecer esas explicacións basta con ver telenovelas e acudir ás redes sociais na procura de confirmación.

É dicir, cremos ter establecido quen é o criminal, o seu modus operandi e o crime en si. Estas 3 características sintetízanse nun sistema, é dicir, nunha forma de relacionarse coa humanidade e coa natureza: o capitalismo.

Sabemos que é un crime en curso e que a súa consecución será desastrosa para o mundo enteiro. Pero non é esa a conclusión que nos interesa corroborar, non.

-*-

Porque resulta que, tamén estudando e analizando, descubrimos algo que pode ser ou non importante. Depende.

Dando por certo que este planeta será aniquilado, polo menos como ata o de agora percibímolo, estivemos investigando sobre as posibles opcións.

É dicir, o barco afúndese e alá arriba din que non pasa nada, que é pasaxeiro. Si, como cando o buque-tanque Prestige naufragou fronte a costas europeas (2002) – Galicia foi testemuña e vítima primeira-, e as autoridades empresariais e gobernamentais dicían que se verteran apenas uns fíos de combustible. O desastre non o pagaron nin o Mandón, nin os seus capataces e mayorales. Pagárono, e ségueno pagando, os poboados que viven da pesca nesas costas. Eles e os seus descendentes.

E por “Barco” referímonos ao planeta homoxeneizado e hexemonizado por un sistema: o capitalismo. Claro, poderán dicir que “ese non é o noso barco”, pero o afundimento en curso non é só dun sistema, senón do mundo enteiro, completo, total, ata o recuncho máis apartado e illado, e non só o dos seus centros de Poder.

-*-

Entendemos que alguén pense, e actúe en consecuencia, que é posible aínda remendar, parchear, pintar un pouco aquí e alá, remocicar a embarcación. Mantela á boia como sexa, incluso vendendo a fantasía de que son posibles megaproxectos que non só non aniquilen poboados enteiros, tamén que non afecten á natureza.

Que existan persoas que pensen que basta con estar moi decididos e botarlle ganas á maquillaxe (polo menos ata que pasen os procesos electorais). E que crean que a mellor resposta aos reclamos de “Nunca Máis” -que se repiten en todos os recunchos do planeta-, sexan promesas e diñeiro, programas políticos e diñeiro, boas intencións e diñeiro, bandeiras e diñeiro, fanatismos e diñeiro. Que sexan fieis crentes de que os problemas do mundo redúcense á falta de diñeiro.

E o diñeiro precisa estradas, grandes proxectos civilizadores, hoteis, centros comerciais, fábricas, bancos, man de obra, consumidores,… policías e exércitos.

As así chamadas “comunidades rurais” son clasificadas como “carentes de desenvolvemento” ou “atrasadas” porque a circulación de diñeiro, é dicir de mercadorías, é inexistente ou moi reducida. Tanto ten que, por exemplo, a súa taxa de feminicidios e de violencia de xénero sexa menor comparada coa das urbes. Os logros gobernamentais mídense pola cantidade de zonas destruídas e repoboadas por produtores e consumidores de mercadorías, grazas á reconstrución dese territorio. Onde antes había unha milpa, un manancial, un bosque, agora hai hoteis, centros comerciais, fábricas, termoeléctricas,… violencia de xénero, persecución da diferenza, narcotráfico, infanticidios, tráfico de persoas, explotación, racismo, discriminación. En suma: c-i-v-i- l-i- z-a- c-i- ó- n.

A súa idea é que a poboación campesiña convértase en empregada desa “urbanización”. Seguirán vivindo, traballando e consumindo na súa localidade, pero o dono de toda a súa contorna é un conglomerado industrial-comercial-financeiro-militar cuxa sede está no ciberespazo e para quen ese territorio conquistado é só un punto no mapa, unha porcentaxe de ganancias, unha mercadoría. E o resultado real será que a poboación orixinaria terá que migrar, porque o capital chegará cos seus propios empregados “cualificados”. Á poboación orixinaria tocaralle regar xardíns e limpar estacionamentos, locais e albercas onde antes había campos de cultivo, bosques, costas, lagoas, ríos e mananciais.

O que se oculta é que, detrás das expansións (“guerras de conquista”) dos Estados -sexan internas (“incorporando a máis poboación á modernidade”), ou sexan externas con distintas coartadas (como a do goberno de Israel na súa guerra contra Palestina)-, hai unha lóxica común: a conquista dun territorio pola mercadoría, é dicir polo diñeiro, é dicir polo capital.

Pero entendemos que esa xente, para poder chegar a ser o caixeiro que administre os pagos e cobranzas que lle dan vida á máquina, forme partidos políticos electorais, frontes -amplas ou estreitas- para disputar o acceso ao goberno, alianzas e rupturas “estratéxicas”, e todos os matices nos que se empeñan esforzos e vidas que, detrás de pequenos éxitos, esconden grandes fracasos. Unha pequena lei por aí, unha interlocución oficial aquí, unha nota xornalística alá, un chío máis acó, un like acolá, e con todo, por poñer un exemplo dun crime mundial en curso, os feminicidios van en aumento. No namentres sobe a esquerda e baixa, sobe a dereita e baixa, sobe o centro e baixa. Como cantaba a inesquecible malagueña Marisol, “a vida é unha tómbola”: todos (arriba) gañan, todas (abaixo) perden.

Pero a “civilización” é só unha coartada feble para unha destrución brutal. O veleno segue brotando (xa non do Prestige –ou non só dese navío-), e o sistema enteiro parece estar disposto a intoxicar ata o último recuncho do planeta, porque son máis rendibles a destrución e a morte que deter a máquina.

Estamos seguros que vostede poderá agregar máis e máis exemplos. Botóns de mostra dun pesadelo irracional e, con todo, actuante.

-*-

Entón, desde hai varias décadas concentrámonos en buscar alternativas. A construción de balsas, caiucos, lanchas, e aínda de embarcacións máis grandes (a 6ta como improbable arca), teñen un horizonte ben definido. Nalgún lugar haberá que desembarcar.

Temos lido e lemos. Estudamos e seguímolo facendo. Analizamos antes e agora. Abrimos o corazón e a ollada, non a ideoloxías actuais ou pasadas de moda, senón ás ciencias, ás artes e ás nosas historias como pobos orixinarios. E con eses coñecementos e ferramentas, atopámonos con que hai, neste sistema solar, un planeta que podería ser habitable: o terceiro do sistema solar e que, ata o de agora, aparece nos libros escolares e científicos co nome de “A Terra”. Para máis referencia, está entre Venus e Marte. É dicir, segundo certas culturas, está entre o amor e a guerra.

O problema é que ese planeta é xa unha chea de entullos, pesadelos reais, e horrores tanxibles. É pouco o que queda en pé. Mesmo a tremoia que oculta a catástrofe crébrase. Entón, pois, como lles direi?, o asunto non é conquistar ese mundo e gozar do praceres de quen vence. É máis complicado e require, ese si, un esforzo mundial: hai que facelo de novo.

-*-

Agora ben, segundo as grandes producións fílmicas de Hollywood, a saída fronte á catástrofe mundial (sempre algo externo –alieníxenas, meteoros, pandemias inexplicables, zombis parecidos a candidatos a algún posto público-), é produto dunha unión de todos os gobernos do mundo (encabezados polos gringos)… ou, peor, do goberno estadounidense sintetizado nun individuo, ou individua (porque a máquina xa aprendeu que a farsa debe ser inclusiva), que pode ter as características raciais e de xénero politicamente correctas, pero leva no seu peito a marca da Hidra.

Pero, lonxe desas ficcións, a realidade móstranos que todo é negocio: o sistema produce a destrución e véndeche os boletos para que fuxas de ela… ao espazo. E de seguro, nas oficinas das grandes corporacións, hai brillantes proxectos de colonización interestelar… coa propiedade privada dos medios de produción incluída. É dicir, o sistema trasládase, íntegro, a outro planeta. O “ all included” refírese a quen traballa, a quen vive sobre de quen traballa e á súa relación de explotación.

-*-

Pero ás veces non só miran ao espazo. O capitalismo “verde” pugna por zonas “protexidas” no planeta. Burbullas ecolóxicas onde poida resgardarse a besta mentres o planeta se cura das dentadas (o cal tomaría apenas uns cuantos millóns de anos).

Cando a máquina fala de “un novo mundo” ou “de humanizar o planeta”, está a pensar en territorios a conquistar, despoboar e destruír, para logo repoboar e reconstruír coa mesma lóxica que agora ten ao mundo enteiro fronte ao abismo, sempre disposto a dar o paso adiante que o progreso demanda.

Vostede poderá pensar que non é posible que alguén sexa tan imbécil como para destruír a casa onde vive. “A ra non bebe toda a auga do charco que habita”, din que di un proverbio do pobo orixinario Sioux. Pero se vostede pretende aplicar unha lóxica racional ao funcionamento da máquina, non entenderá (bo, tampouco a máquina). De nada serven valoracións morais e éticas. A lóxica da besta é a ganancia. Claro, agora vostede poderá preguntarse como é posible que unha máquina irracional, inmoral e estúpida rexa os destinos de todo un planeta. Ah, (suspiro), iso está na súa xenealoxía, na súa esencia mesma.

Pero, deixando de lado o imposible exercicio de dotar de racionalidade ao irracional, chegará vostede á conclusión de que é preciso destruír ese procreo que non, non é endiañado. Desgraciadamente é humano.

E, claro, vostede estuda, le, confronta, analiza, e descobre que hai grandes propostas para saír adiante. Desde as que propoñen afeites e maquillaxes, ata as que recomendan clases de moral e lóxica para a besta, pasando por novos ou vellos sistemas.

Si, entendémolo, a vida é unha merda e sempre é posible refuxiarse nese cinismo tan sobrevalorado nas redes sociais. O finado SupMarcos dicía: “o malo non é que a vida sexa unha merda, senón que che obrigan a comela e aínda agardan que o agradezas”.

Pero supoñamos que non, que vostede sabe que, en efecto, a vida apesta, pero a súa reacción non é a de repregarse en si mesmo (ou no seu “mundo”, iso depende do número dos seus “seguidores” nas redes sociais habidas e por haber). E entón vostede decide abrazar, con fe, esperanza e caridade, algunha das opcións que se lle presentan. E elixe a mellor, a máis grande, o de máis éxito, a máis famosa, a que vai gañando… ou a que queda preto.

Grandes proxectos de novos e vellos sistemas políticos. Atrasos imposibles do reloxo da historia. Nacionalismos patrioteiros. Futuros compartidos a forza de que tal opción tome o Poder e se manteña nel ata que todo se solucione. A súa billa pinga?, vote por tal. Moito ruído na veciñanza?, vote por cal. Subiu o custo de transporte, alimentos, medicinas, enerxía, escolas, roupa, diversión, cultura?, Témelle á migración?, Incomódanlle as persoas de pel escura, as crenzas distintas, as linguas incomprensibles, as diferentes estaturas e complexións?, vote por…

Mesmo os hai quen non difiren do obxectivo, senón do método. E logo repiten arriba o que criticaron abaixo. Con malabares noxentos e argumentando estratexias xeopolíticas, apóiase a quen se reitera no crime e a estupidez. Demándase que os pobos aguanten opresións en beneficio da “correlación de forzas internacional e o ascenso da esquerda na zona”. Pero Nicaragua non é Ortega-Murillo e non tardará a besta en entendelo.

En todas esas grandes ofertas de solución no supermercado mortal do sistema, moitas veces non se di que se tratan da imposición brutal dunha hexemonía, e un decreto de persecución e morte ao que non é homoxéneo ao gañador.

Os gobernos gobernan para os seus seguidores, nunca para quen non o son. As estrelas das redes sociais alimentan ás súas hostes, aínda á conta de sacrificar a intelixencia e a vergoña. E a “corrección política” traga sapos, que haberán logo de devorar a quen aconsella resignación “para non beneficiar ao inimigo principal”.

-*-

É o zapatismo unha gran resposta, unha máis, aos problemas do mundo?.

Non. O zapatismo é unha chea de preguntas. E a máis pequena pode ser a máis inquietante: E ti que?.

Fronte á catástrofe capitalista, o zapatismo propón un vello-novo sistema social idílico, e con el repetir as imposicións de hexemonías e homoxeneidades agora “boas”?.

Non. O noso pensamento é pequeno como nós: son os esforzos de cada quen, na súa xeografía, segundo o seu almanaque e modo, que permitirán, talvez, liquidar ao criminal, e, simultaneamente, refacer todo. E todo é todo.

Cada quen, segundo o seu almanaque, a súa xeografía, o seu modo, haberá de construír o seu camiño. E, do mesmo xeito que nós, os pobos zapatistas, irá tropezando e levantándose, e o que constrúa terá o nome que lle dea a gana ter. E só será diferente e mellor que o que padecemos antes, e o que padecemos actualmente, se recoñece o outro e respéctao, se renuncia a impoñer o seu pensamento sobre o diferente, e se ao fin dáse conta de que moitos son os mundos e que a súa riqueza nace e brilla na súa diferenza.

É posible? Non o sabemos. Pero si sabemos que, para pescudalo, hai que loitar pola Vida.

-*-

Entón, a que imos nesta Travesía pola Vida se non aspiramos a ditar camiños, roteiros, destinos?. A que, se non buscamos adherentes, votos, likes?. A que, se non imos xulgar e a condenar ou absolver?. A que, se non chamamos ao fanatismo por un novo-vello credo?. A que, se non buscamos pasar á Historia e ocupar un nicho no panteón barolento do espectro político?.

Bo, para serlles sinceros como zapatistas que somos: non só imos confrontar as nosas análises e conclusións co outro que loita e pensa críticamente.

Imos agradecer ao outro a súa existencia. A agradecer os ensinos que a súa rebeldía e a súa resistencia regaláronnos. A entregar a flor prometida. A abrazar o outro e dicirlle ao oído que non está soa, soloa, só. A rumorearlle que valen a pena a resistencia, a loita, a dor por quen xa non están, a rabia de que estea impune o criminal, o soño dun mundo non perfecto, pero si mellor: un mundo sen medo.

E tamén, e sobre todo, imos buscar complicidades… pola vida.

SupGaleano.
Xuño do 2021, Planeta Terra.

Categories: porlavida