Publicación orixinal en Enlace Zapatista.

11 de xuño do 2021. (Nota: almanaque e tempo na xeografía de México).

Coa súa cariña lavada, ataviada e limpa a cuberta, recomposto o velame -despois de saír de Cienfuegos, Cuba-, o 16 de maio La Montaña tomou rumbo a Oriente. Abeirou a praia das Coloradas e, coa Serra Maestra a súa esquerda, foi novamente acompañada polos golfiños convocados por Durito Stahlkäfer, quen maldiciu cando pasaron fronte á estadounidense aberración en Guantánamo. Fronte a Haití, baleas saudaron o seu paso, e na Illa de Tortuga, Durito e o Gato-Perro desembarcaron alegando algo sobre un tesoro soterrado… ou por soterrar. En apoio ao equipo de apoio, a Lupita, a Ximena e o Bernal gomitaron fraternalmente, máis creo que terían preferido apoiar doutro xeito. En Punta Rucia, República Dominicana, gardou reposo e cautela La Montaña, por fortes ventos en contra. O 24 de maio, de madrugada e a pura vela (“para non espantar o vento”, dixo o capitán Ludwig), La Montaña tomou rumbo ao Norte. Agora foron orcas as que saudaron a La Montaña ao despedila das augas do Caribe. Entre os días 25 e 26 de maio, o navío esquizofrénico –cre el que é unha ela e é montaña-, esquivou as Bahamas e o día 27 embocou cara o Noreste, xa en mar aberto, Duc in Altum.

O 4 de xuño, librado xa o chamado Triángulo das Bermudas, a embarcación e a súa valiosa pasaxe encararon o sol que polo Oriente despuntaba. Entre os días 5 e 9 de xuño, navegaron sobre onde a lenda ubica a soberbia Atlántida.

Serían as 22:10:15 horas do 10 de xuño cando, entre as brétemas da madrugada europea, desde a cofa da vixía de La Montaña albiscábase a montaña irmá, Cabeço Gordo, na Illa Faial do arquipélago de Azores, rexión autónoma da xeografía chamada Portugal, en Europa. Serían as 02:30:45 do 11 de xuño cando o panorama, “a tiro de piedra”, das costas do peirao de Horta humedeceu a ollada de navío e tripulantes. Nas montañas de Azores eran as 07:30 da mañá deste día. Serían as 03:45:13 cando unha lancha rápida da autoridade portuaria de Horta achegouse a La Montaña para indicar onde habería de fondear. Serían as 04:15:33 cando o navío fondeou fronte as outras montañas. Serían as 08:23:54 cando o bote da Capitanía de Porto recolleu ás tripulantes de La Montaña e levounas a terra para as probas PCR do Covid, e deovolvéunas ao barco a agardar os resultados. En todo momento a “Autoridade Marítima”, no porto de Horta, portouse con amabilidade e respecto.

A tripulación, pasaxe incluída, atópanse moi ben de saúde, “animadas e contentas, sen liortas, nin dixomedíxomes nin agarradas.(No Escuadrón 421) coidan as unhas das outras”.

Aquí é o momento de informar quen máis, ademais da tripulación do Stahlratte e o zapatista Escuadrón 421, navegadon este tramo. Para documentar a travesía marítima van María Secco, cine-fotógrafa independente, e Diego Enrique Osorno, reporteiro independente. Como equipo de apoio da delegación zapatista vai Javier Elorriaga.

Segundo os usos e costumes zapatistas, estas 3 persoas tiveron que, amais de cubrir os seus gastos, presentar autorización escrita das súas familias, parellas e prole. Susoditas cartas entregáronse ao Subcomandante Insurxente Moisés. Maridas, maridos, nais, fillos e fillas redactaron e asinaron as autorizacións de seu puño e letra. Tocóume lelas. Hai de todo, desde reflexións filosóficas até debuxos infantís, pasando pola solicitude atenta dunha cativa para que lle leven unha balea. Ninguén pediu escaravellos nin gato-perros, o que non sei se é un oprobio ou un alivio. Nas letras infantís adivíñase a fachenda de que pai ou nai dependeran de que lles deran permiso (o clásico zapatista: “os patos tíranlles ás escopetas”). Imaxino que xa terán vostedes a oportunidade de coñecer as olladas de María e Diego, as súas anécdotas, reflexións e valoración da súa participación “en primera liña” (ambas fanlle caso a iso do cine) neste desvarío. Outras olldas sempre son benvidas e son refrescantes.

-*-

Ao coñecerse a noticia nas montañas do Sueste Mexicano, as comunidades zapatistas enviáronlle unha mensaxe á tripulación do Stahlratte, a través do seu capitán: “Gracias, son chingones”. Aínda están tratando de traducilo ao alemán.

-*-

Para a reflexión: o lema das Azores é “Antes morrer livres que em paz sujeitos” (Antes morir libres que en paz presos).

-*-

Ao lonxe, ao Oriente, as columnas de Hércules -que no seu tempo eran o límite do mundo coñecido-, ollaban asombradas unha montaña que navegando desde o Occidente vén.

Dou fe. SupGaleano. 11 de xuño do 2021.

Categories: porlavida