Publicación orixinal en Enlace Zapatista.
COMISIÓN SEXTA ZAPATISTA
México.
Xullo do 2021.
Ás adheridas á Declaración pola Vida:
Á Europa de Abaixo e á Esquerda:
Á Sexta Nacional e Internacional:
Ao Congreso Nacional Indíxena-Concejo Indígena de Goberno:
Ás Redes en Resistencia e Rebeldía:
Ao Colectivo “Llegó la Hora de los Pueblos”:
Do: Subcomandante Insurxente Moisés.
Compañeiras, compañeroas, compañeiros:
Irmás, hermanoas, e irmáns:
Saúdo en nome da cativada, mulleres, otroas, anciáns e homes das comunidades zapatistas, e comunícolles o que segue:
Primeiro.- Xa temos lista unha compañía zapatista aerotransportada forte en 177 zapatistas. Está integrada na súa totalidade por orixinarios de raíz maia, das linguas cho´ ol, tzotzil, tzeltal, tojolabal e castilla. Somos nados na xeografía que chaman México. Os nosos devanceiros naceron e morreron nestas terras. Como o Estado Mexicano non recoñece a nosa identidade e orixe, e dinos que somos “extemporáneos” (así di a Secretaría de Relacións Exteriores, que somos mexicanos “extemporáneos”), decidimos bautizar a esta unidade de Escoita e Palabra como “A Extemporánea”.
Segundo vimos nos dicionarios, “ extemporáneo” quere dicir “que é inoportuno, inconveniente”, ou “que é impropio do tempo en que sucede”. Ou sexa que somos inoportunos, inconvenientes e impropios.
Nunca antes nos definiran con tanto xeito. Estamos felices de que ao fin o Estado Mexicano recoñeza que así é como considera aos pobos orixinarios desta xeografía chamada México. Creo que así é como lamenta non ternos aniquilados… aínda; e que a nosa existencia contradiga o discurso oficial sobre a “conquista”. Agora enténdese que a demanda do goberno de México ao de España, esixíndolle que pida perdón, é por non ternos exterminado.
D@s 177 delegad@s, 62 de nós non temos aínda o pasaporte. A Secretaría de Relacións Exteriores está trabada na “inconveniencia” que representamos. A pesar de que demostramos identidade e orixe, segue esixindo máis e máis papeis. Só falta que pida que os gobernos da parte central de América digan que non somos cidadáns deses países.
2.- A compañía aerotransportada “La Extemporánea”, comigo ao fronte, preparouse desde outubro do 2020 e levamos case un mes en corentena. Está integrada por:
.- Varios grupos de “Escucha y Palabra”. Zapatistas indíxenas cuxa existencia e memoria cobre a historia da nosa loita desde os anos previos ao alzamento ata o inicio da Travesía pola Vida.
.- Un equipo feminino de fútbol. Confórmano 36 milicianas (que tamén son “Escucha y Palabra”) que tomaron o nome e exemplo da finada Comandanta Ramona, a primeira zapatista en saír de Chiapas; identifícanse como “Ixchel Ramona” e así sairán aos campos deportivos de Europa.
.- O así chamado “Comando Palomitas”. Son 6 nenas e nenos do grupo “Juego y Travesura”. Como tod@s nós, estivéronse preparando.
.- O grupo coordinador da invasión. Son quen se encargará de organizar e, no seu caso, reforzar os grupos de “Escucha y Palabra” que se distribuirán nas 5 zonas nas que dividimos o continente Europeo. Ademais atenderán aos medios de comunicación libres e de pago, participarán en mesas redondas, palestras e actos públicos; e avaliarán o desenvolvemento da invasión.
Co Escuadrón 421 completaremos a primeira onda zapatista e iniciaremos as visitas a quen nos convidou e, con atención e respecto, escoitarémoslles. Se así o piden, falarémoslles da nosa pequena historia de resistencia e rebeldía.
3.- Connosco viaxará unha delegación do Congreso Nacional Indíxena-CIG, forte en 10 indíxenas das linguas: Maia orixinaria, Popoluca, Binizá, Purhépecha, Raramuri, Otomí, Naayeri/ Wixarika e Nahua; así como 3 irmáns da Fronte de Pobos en Defensa da Terra e a Auga de Tlaxcala, Puebla e Morelos. En total 13.
4.- En razón de que a min tócame o da Travesía pola Vida-Capítulo Europa, encomendei ao Subcomandante Insurxente Galeano que tome o mando en México e que inicie, á maior brevidade posible, contactos co Congreso Nacional Indíxena-CIG, coa Sexta Nacional, coas Redes en Resistencia e Rebeldía, con Organizacións Non Gobernamentais de defensa dos Dereitos Humanos, con colectivos de Vítimas da violencia, familiares de desaparecid@s e afíns, así como con artistas, científicos e intelectuais, co obxectivo de facerlles saber dunha nova iniciativa nacional e convidarlles a organizarse para ela. E así abrir unha fronte de loita pola Vida no noso país.
5.- Nuns días máis, que lles comunicaremos cando sexa oportuno, iniciaremos a nosa viaxe. Agora estamos a tratar de vacinarnos tod@s para non levarlles problemas de saúde, e agardando a que baixe un pouco a chamada “terceira onda” de contaxios en México.
Despois iremos ao caracol Jacinto Canek, en San Cristóbal de Las Casas, e aí concentrarémonos. De aí trasladarémonos á Cidade de México onde iremos @s 177 delegad@s ás oficinas da SRE a que nos diga, de fronte e en público, que non temos dereitos por ser “extemporáneos”, e que o seu “aspiracionismo” obrígalle a delegar a súa responsabilidade en burócratas racistas e ignorantes. Despois, talvez, París, Francia.
As datas precisas dirémosllas despois, porque semella que, para o goberno francés, tamén somos inoportunos; ademais, claro, da nova onda mundial de COVID 19. Nin modos, debe ser a globalización.
6.- Estamos un pouco inquedos pero contentos -porque non é a primeira vez que faremos algo sen saber o que nos agarda-. Agradecemos desde xa á Europa de Abaixo, á Sexta Nacional, as Redes en Resistencia e Rebeldía, as ONG´s solidarias deste e do outro lado do océano, e ao colectivo “Llegó la hora de los Pueblos” o apoio económico e en especie que permitirá realizar a viaxe aérea. O custo da viaxe marítima e dos pasaportes (entre 10 mil e 15 mil pesos cada unha, polas viaxes continuas de ida e volta aos nosos pobos para cumprir os ridículos requisitos do Estado Mexicano por ser “extemporáneos”), foi cuberto integramente polo EZLN e deixounos sen fondo de reserva. Pero non representou, para ningunha das delegadas e delegados, gasto persoal algún.
7.- Da iniciativa nacional –da que queda encargado o SupGaleano-, só lles adianto que arrincará coa nosa chamada a participar na así nomeada “Consulta Popular” do 1 de agosto, e a responder “Si” á pregunta sobre se se debe ou non facer algo para cumprir co dereito á verdade e a xustiza de quen teñen sido vítimas por accións e omisións do Estado Mexicano (que é iso, e non outra cousa, o que sinala a pregunta que elaborou a Suprema Corte de Xustiza da Nación do país que se chama México). Quen aló arriba, nos partidos de “oposición”, opóñense á consulta, non só temen o que dela se derive; tamén atérralles que as vítimas recuperen as súas demandas do uso ruín e perverso que a ultradereita fai da súa dor. Porque a dor non debe ser negocio electoral, e menos para fins tan merdas como que regresen ao goberno quen son algúns dos principais responsabeis da violencia e que antes só se dedicaron a acumular paga e cinismo. Por iso o INE, que tamén consideranos aos indíxenas como “extemporáneos” néganos a credencial, está facendo o posíbel para que a consulta fracase, porque sabe que tamén tócalle a súa parte do delito pola súa política exclusiva para a pel clara e urbana.
Hai que entrarlle, non vendo cara arriba, senón ollando cara as vítimas. Hai que converter a consulta nunha consulta “extemporánea”. Isto coa fin de que así arranque, independente dos de arriba, unha mobilización por unha Comisión pola Verdade e a Xustiza para as Vítimas, ou como queira que se chame. Porque non pode haber vida sen verdade e xustiza.
É todo por agora.
Desde as Montañas do Sueste Mexicano.
Polos zapatistas extemporáneos.
Subcomandante Insurxente Moisés.
Aínda en México, xullo do 2021.
«Bella Ciao» versión trombóns, Germán El Trombón & El Clan del Solar.