Publicación orixinal en Enlace Zapatista Subcomandante Insurxente Galeano. Decembro do 2020.

Segunda Parte: A CANTINA.

  Almanaque?  O actual.  Xeografía?  Calquera recuncho do mundo

Vostede non sabe ben a ben por que, pero camiña da man dunha nena. Está a piques de preguntarlle a onde se dirixen, cando pasan fronte a unha gran cantina. Un gran rótulo luminoso, como a carteleira dun cine, declara: “A HISTORIA CON MAIÚSCULAS. Cantina-bar”, e máis abaixo “Non se admiten mulleres, crianzas, indíxenas, desempregadas, otroas, anciáns, migrantes e demais descartábeis”. Algunha man branca agregou “In this place, Black Lives does not matter”. E outra man de home engadeu: “As mulleres poden entrar se se comportan como homes”. Aos lados do establecemento, amontóanse cadáveres de mulleres de todas as idades e, a xulgar polas roupas feitas farrapos, de todas as clases sociais. Vostede detense e, resignada, a nena tamén. Asómanse pola porta e ven unha desorde de homes e mulleres con modos masculinos. Sobre a barra ou mostrador, un varón esgrime un bate de béisbol e con el ameaza arreo. O xentío está claramente dividido: nun lado quen aplauden e no outro quen reproban. Todos están como bébedos: a ollada colérica, a baball esvarándolles pola queixada, o rostro arroibado.

Achégase a vostede quen debe ser o porteiro ou algo así e pregúntalle:

“Quere pasar? Pode elixir o bando que goste. Quere aplaudir ou criticar?. Non importa cal elixa, garantímoslle que terá moitos seguidores, likes, polgares arriba e máis aplausos. Vostede será famoso se se lle ocorre algo enxeñoso, sexa a favor ou en contra. E aínda que non sexa moi intelixente, abonda con que faga barullo. Tampouco importa se é certo ou falso o que berre, a condición de que berre forte”.

  Vostede valora a oferta. Sóalle atraente, sobre todo agora que a vostede non lle segue nin o can.

“É perigoso?”, aventura vostede con timidez.

O porteiro tranquilízao: “De ningunha maneira, aquí reina a impunidade.  Vexa vostede a quen está en quenda ao bate.  Di calquera bobada e uns apláudenlle e outros o critican con outras bobadas.  Cando esa persoa termine a súa quenda, outra subirá.  Xa lle dixen antes que non necesita ser intelixente.  É máis, a intelixencia aquí é un estorbo.  Anímese.  Así se esquece das enfermidades, das catástrofes, das miserias, das mentiras feitas goberno, do mañá.  Aquí a realidade non importa en realidade.  O que vale é a moda en quenda”.

Vostede: “E de que discuten?”.

“Ah, de calquera cousa.  Ambos os lados empéñanse en frivolidades e estupideces.  Como que a creatividade non é o seu.  E así.”, responde o garda mentres olla, medorento, ao alto da edificación.

  A nena segue a dirección da ollada e, sinalando todo o máis alto do edificio, onde se alcanza a ver un piso completo -todo vidro espello-, pregunta:

“E eses de alá arriba están a favor ou en contra?”

“Ah, non”, responde o home e agrega nun murmurio: “Eses son os donos da cantina.  Non necesitan manifestarse por nada, simplemente faise o que eles mandan”.

Fóra, máis aló no camiño, vése un grupo de persoas que, supón vostede, non tivo interese en entrar á cantina e seguiu o seu camiño.  Outro tanto sae do establecemento con molestia, murmurando: “é imposible razoar aí dentro” e “en lugar de “A Historia”, debería chamarse “A Histeria””.  Rin, afástanse.

  A nena quédaselle mirando. Vostede dúbida…

Ela dille: “Podes quedar ou seguir.  Só faite responsable da túa decisión. A liberdade non é só poder decidir que facer e facelo.  É tamén facerse responsable do que se fai e da decisión tomada”.

Sen decidirse aínda, vostede pregúntalle á nena: “E ti onde vas?”.

“Ao meu pobo”, di a nena, e estende as súas manitas ao horizonte como dicindo “ao mundo”.

Desde as montañas do Sueste Mexicano.

O SupGaleano. É México, é 2020, é decembro, é madrugada, vai frío e unha lúa chea mira, asombrada, como as montañas se incorporan, arremánganse un pouco as saias e amodo, moi amodo, bótanse a andar.

-*-

Do Caderno de Apuntes do Gato-Perro: Esperanza cóntalle a Defensa un soño que tivo.

“Por iso é polo que estou durmida e estou a soñar. Claro, sei que estou a soñar porque estou durmida. Entón, por iso é polo que vexo que estou moi lonxe.  Que hai homes e mulleres e otroas moi outros. Que sexa que non os coñezo.  Que sexa que falan unha lingua que non entendo. E teñen moitas cores e usanzas moi distintas.  Fan moito balbordo.  Cantan e bailan, falan, discuten, choran, rin.  E non coñezo nada do que vexo.  Hai construcións grandes e pequenas. Hai árbores e plantas como as de aquí, pero diferentes.  A comida é ben distinta. Ou sexa, que todo moi raro.  Pero o máis estraño é que, non sei por que nin como, pero sei que estou na miña casa”.

  Esperanza queda en silencio. Defensa Zapatista remata de tomar apuntamento no seu caderno, quédaselle mirando e, despois duns segundos, pregúntalle:

“Sabes nadar?”.

Dou fe. Guau-Miau.

Categories: porlavida