COMUNICADO DO COMITÉ CLANDESTINO REVOLUCIONARIO INDÍXENA-COMANDANCIA XENERAL DO EXÉRCITO ZAPATISTA DE LIBERACIÓN NACIONAL.
MÉXICO
Publicación orixinal en Enlace Zapatista: Subcomandante Insurxente Moisés. 5 de outubro de 2020.Ao Congreso Nacional Indígena – Concejo Indígena de Gobierno: Á Sexta Nacional e Internacional: Ás Redes de Resistencia e Rebeldía: Ás persoas honestas que resisten en todos os recunchos do planeta:
Irmás, irmáns, hermanoas: Compañeiras, compañeiros e compañeroas:
Os pobos orixinarios de raíz maia e zapatistas saudámoslles e dicímoslles o que chegou no noso pensamento común, de acordo ao que miramos, escoitamos e sentimos.
Primeiro.- Ollamos e escoitamos un mundo doente na súa vida social, fragmentado en millóns de persoas alleas entre si, empeñadas na súa supervivencia individual, pero unidas baixo a opresión dun sistema disposto a todo para fartar a súa sede de lucro, aínda e cando é claro que o seu camiño vai en contra da existencia do planeta Terra.
A aberración do sistema e a súa estúpida defensa do “progreso” e a “modernidade” estrélase contra unha realidade criminal: os feminicidios. O asasinato de mulleres non ten cor nin nacionalidade, é mundial. Se é absurdo e irrazonable que alguén sexa perseguido, desaparecido, asasinado pola súa cor de pel, a súa raza, a súa cultura, as súas crenzas; non se pode crer que o feito de ser muller equivalla a unha sentenza de marxinación e morte.
Nunha escalada previsible (acoso, violencia física, mutilación e asasinato), co aval dunha impunidade estrutural (“ela merecíallo”, “tiña tatuaxes”, “que andaba facendo nese sitio a esa hora?”, “con esa roupa, era de esperar”), os asasinatos de mulleres non teñen ningunha lóxica criminal que non sexa a do sistema. De diferentes estratos sociais, distintas razas, idades que van desde a infancia máis temperá ata a vellez e en xeografías distantes entre si, o xénero é a única constante. E o sistema é incapaz de explicar por que isto vai da man do seu “desenvolvemento” e “progreso”. Na indignante estatística das mortes, mentres máis “desenvolvida” está unha sociedade, maior é o número de vítimas nesta auténtica guerra de xénero.
E a “civilización” parece dicirnos aos pobos orixinarios: “a proba do teu subdesenvolvemento está na túa baixa taxa de feminicidios. Teñan os seus megaproyectos, os seus trens, súas termoeléctricas, as súas minas, as súas presas, os seus centros comerciais, as súas tendas de electrodomésticos (con aparello de televisión incluído), e aprendan a consumir. Sexan como nós. Para saldar a débeda desta axuda progresista, non bastan as súas terras, as súas augas, as súas culturas, as súas dignidades. Deben completalo coa vida das mulleres”.
Segundo.- Miramos e escoitamos á natureza ferida de morte, e que, na súa anguria, advirte á humanidade que o peor está aínda por vir. Cada catástrofe “natural” anuncia a seguinte e esquece, porque lle convén, que é a acción dun sistema humano a que a provoca.
A morte e a destrución non son xa algo afastado, que se limite a fronteiras, respecte alfándegas e convenios internacionais. A destrución en calquera recuncho do mundo, repercute en todo o planeta.
Terceiro.- Miramos e escoitamos aos poderosos afastándose e escondéndose nos chamados Estados Nacionais e os seus muros. E, nese imposible salto cara atrás, reviven nacionalismos fascistas, chauvinismos ridículos e unhas lerias inaguantábeis . Nisto advertimos as guerras por chegar, as que se alimentan de historias falsas, ocas, mentireiras e que traducen nacionalidades e razas en supremacías que se imporán pola vía da morte e a destrución. Nos distintos países vívese a disputa entre *capataces e quen aspiran a sucederlles, escondendo que o patrón, o amo, o mandón, é o mesmo e non ten máis nacionalidade que a do diñeiro. Mentres tanto, os organismos internacionais languidecen e convértense en meros nomes, como pezas de museo… ou nin iso.
Na escuridade e confusión que preceden a esas guerras, escoitamos e miramos o ataque, cerco e persecución de calquera aceno de creatividade, intelixencia e racionalidade. Fronte ao pensamento crítico, os poderosos demandan, esixen e impoñen os seus fanatismos. A morte que plantan, cultivan e colleitan non é só a física; tamén inclúe a extinción da universalidade propia da humanidade -a intelixencia-, os seus avances e logros. Renacen ou son creadas novas correntes esotéricas, laicas e non, disfrazadas de modas intelectuais ou pseudo ciencias; e as artes e as ciencias pretenden ser subxugadas a militancias políticas.
Cuarto.- A pandemia da COVID 19 non só amosou as vulnerabilidades do ser humano, tamén a cobiza e estupidez dos distintos gobernos nacionais e as súas supostas oposicións. Medidas do máis elemental sentido común foron desprezadas, apostando sempre a que a pandemia sería de curta duración. Cando o paso da enfermidade foise dilatando, empezaron os números a substituír traxedias. A morte converteuse así nunha cifra que se perde a diario entre escándalos e declaracións. Unha comparativa lóbrega entre nacionalismos ridículos. A porcentaxe de bateo e de carreiras limpas que determina qué equipo, ou Nación, é mellor ou peor.
Como se refire nun dos textos previos, no zapatismo optamos pola prevención e a aplicación de medidas sanitarias que, no seu momento, foron consultadas con científicxs que nos orientaron e ofreceron, sen tatexar, a súa axuda. Os pobos zapatistas estámoslles agradecidos e así quixemos demostralo. Logo de 6 meses da implementación desas medidas (máscaras cobre bocas ou o seu equivalente, distancia entre persoas, peche de contactos persoais directos con zonas urbanas, corentena de 15 días para quen puido estar en contacto con contaxiadxs, lavado frecuente con auga e xabón), lamentamos o falecemento de 3 compañeiros que presentaron dous ou máis síntomas asociados ao COVID 19 e que tiveron contacto directo con persoas contaxiadas.
Outros 8 compañeiros e unha compañeira, quen morreron nese período, presentaron un dos síntomas. Como carecemos da posibilidade de probas, asumimos que o total dos 12 compañeirxs morreron polo chamado Coronavirus (científicxs recomendáronnos asumir que calquera dificultade respiratoria sería COVID 19). Estas 12 ausencias son responsabilidade nosa. Non son culpa da 4T ou da oposición, de neoliberais ou neoconservadores, de chairos ou fifís, de conspiracións ou complots. Pensamos que deberiamos ter extremado máis aínda as precaucións.
Actualmente, coa falta deses 12 compañeirxs ao lombo, melloramos as medidas preventivas en todas as comunidades, agora co apoio de Organizacións Non Gobernamentais e de científicxs que, a título individual ou como colectivo, oriéntannos no modo de afrontar con máis fortaleza un posible rebrote. Decenas de miles de máscaras cobre bocas (deseñadas especialmente para evitar que unha probable portadora contaxie a outras persoas, baratas, reutilizabéis e adaptadas ás circunstancias) distribuíronse en todas as comunidades. Outras decenas de miles máis están sendo producidas nos obradoiros de bordado e costura de insurxentes e nos poboados. O uso masivo de cobre bocas, as corentenas de dúas semanas para quen puidesen estar infectadxs, a distancia e o lavado continuo de mans e rostro con auga e xabón, e evitar no posible saír ás cidades, son medidas recomendadas ata a irmáns e irmás partidistas, para conter a expansión de contaxios e permitir o mantemento da vida comunitaria.
Os pormenores do que foi e é a nosa estratexia poderán ser consultado no seu momento. Por agora dicimos, coa vida latexando nos nosos corpos, que, segundo a nosa valoración (na que probablemente podemos estar equivocadxs), o enfrontar a ameaza como comunidade, non como un asunto individual, e dirixir o noso esforzo principal á *prevención, permítenos dicir, como pobos zapatistas: aquí estamos, resistimos, vivimos, loitamos.
E agora, en todo o mundo, o gran capital pretende que se volva ás rúas para que as persoas volvan a tomar a súa condición de consumidoras. Porque son os problemas do Mercado os que lle preocupan: a letarxia no consumo de mercancías.
Hai que retomar as rúas, si, pero para loitar. Porque, como dixemos antes, a vida, a loita pola vida, non é un asunto individual, senón colectivo. Agora estase vendo que tampouco é asunto de nacionalidades, é mundial.
-*-
Moitas cousas destas miramos e escoitamos. E moito as pensamos. Pero non só…
Quinto.- Tamén escoitamos e miramos as resistencias e rebeldías que, non por silenciadas ou esquecidas, deixan de ser claves, pistas dunha humanidade que se nega a seguir ao sistema no seu apresurado paso ao colapso: o tren mortal do progreso que avanza, soberbio e impecábel, cara ao cantil. Mentres o maquinista esquece que é só un empregado máis e cre, inxenuo, que el decide o camiño, cando non fai senón seguir a cadea dos carrís cara ao abismo.
Resistencias e rebeldías que, sen esquecer o choro polas ausencias, empéñanse en loitar por -quen o diría-, o máis subversivo que hai neses mundos divididos entre neoliberais e neoconservadores-: a vida.
Rebeldías e resistencias que entenden, cada quen co seu modo, o seu tempo e a súa xeografía, que as solucións non están na fe nos gobernos nacionais, que non se xestan protexidas por fronteiras nin visten bandeiras e linguas distintas.
Resistencias e rebeldías que nos ensinan a nós, nosotroas, zapatistas, que as solucións puideran estar abaixo, nos sotos e recunchos do mundo. Non nos palacios gobernamentais. Non nas oficinas das grandes corporacións.
Rebeldías e resistencias que nos amosan que, se as de enriba rompen as pontes e pechan as fronteiras, queda navegar ríos e mares para atoparnos. Que a cura, se é que a hai, é mundial, e ten a cor da terra, do traballo que vive e morre en rúas e barrios, en mares e ceos, nos montes e nas súas entrañas. Que, como o millo orixinario, moitas son as súas cores, as súas tonalidades e sons.
-*-
Todo isto, e máis, miramos e escoitamos. E mirámonos e escoitámonos como o que somos: un número que non conta. Porque a vida non importa, non vende, non é noticia, non entra nas estatísticas, non compite nas enquisas, non ten valoración nas redes sociais, non provoca, non representa capital político, bandeira partidaria, escándalo de moda. A quen lle importa que un pequeno, pequeneiro, grupo de orixinarios, de indíxenas, viva, é dicir, loite?.
Porque resulta que vivimos. Que malia paramilitares, pandemias, megaproxectos, mentiras, infamias e esquecementos, vivimos. É dicir, loitamos.
E nisto pensamos: en que seguimos loitando. É dicir, seguimos vivindo. E pensamos que durante todos estes anos, recibimos a aperta irmá de persoas do noso país e do mundo. E pensamos que, se aquí a vida resiste e, non sen dificultades, florece, é grazas a esas persoas que desafiaron distancias, trámites, fronteiras e diferenzas culturais e de lingua. Grazas a elas, eles, elloas -pero sobre todo elas-, que retaron e derrotaron almanaques e xeografía.
Nas montañas do sueste mexicano, todos os mundos do mundo atoparon, e atopan, oído nos nosos corazóns. A súa palabra e acción foi alimento para a resistencia e a rebeldía, que non son senón continuación das dos nosos devanceiros.
Persoas coas ciencias e as artes como camiño, atoparon o modo para abrazarnos e darnos alento, aínda que fóra á distancia. Xornalistas, fifís e non, que informaron sobre a miseria e a morte antes, a dignidade e a vida sempre. Persoas de todas as profesións e oficios que, moito para nós, talvez pouco para elxs, estiveron, están.
E de todo isto pensamos no noso corazón colectivo, e chegou ao noso pensamento que xa é o tempo xa de que nós, nosotroas, zapatistas, correspondamos ao oído, á palabra e á presenza deses mundos. Aos próximos e aos afastados en xeografía.
Sexto.- E isto decidimos:
Que é tempo de novo para que bailen os corazóns, e que non sexan nin a súa música nin os seus pasos, os do queixume e a resignación.
Que diversas delegacións zapatistas, homes, mulleres e otroas da cor da nosa terra, sairemos a percorrer o mundo, camiñaremos ou navegaremos ata terras, mares e ceos remotos, buscando non a diferenza, non a superioridade, non a afronta, moito menos o perdón e a mágoa.
Iremos a atopar o que nos fai iguais.
Non só a humanidade que anima as nosas peles diferentes, os nosos distintos xeitos, as nosas linguas e cores diversas. Tamén, e sobre todo, o soño común que, como especie, compartimos desde que, na África que parecese afastada, botamos a andar do colo da primeira muller: a procura da liberdade que animou ese primeiro paso… e que segue andando.
Que o primeiro destino desta viaxe planetaria será o continente europeo.
Que navegaremos cara as terras europeas. Que sairemos e que partiremos, desde terras mexicanas, no mes de abril do ano do 2021.
Que, logo de percorrer varios recunchos da Europa de abaixo e á esquerda, chegaremos a Madrid, a capital española, o 13 de agosto do 2021 -500 anos despois da suposta conquista do que hoxe é México-. E que, de inmediatos, seguiremos o camiño.
Que falaremos ao pobo español. Non para ameazar, reprochar, insultar ou esixir. Non para requerirlle que nos pida perdón. Non para servilres nin para servirnos.
Iremos a dicirlle ao pobo de España dúas cousas sinxelas:
Un: que non nos conquistaron. Que seguimos en resistencia e rebeldía.
Dous: Que non teñen por que pedir que lles perdoemos nada. Xa basta de xogar co pasado afastado para xustificar, con demagoxia e hipocrisía, os crimes actuais e en curso: o asasinato de loitadoras sociais, como o irmán Samir Flores Soberanes; os xenocidios escondidos detrás de megaproxectos, concibidos e realizados para contento do poderoso -o mesmo que flaxela todos os recunchos do planeta-; o alento monetario e de impunidade para os paramilitares; a compra de conciencias e dignidades con 30 moedas.
Nós, nosotroas, zapatistas NON queremos volver a ese pasado, nin sos, nin moito menos da man de quen quere sementar o rancor racial e pretende alimentar o seu nacionalismo trasnoitado co suposto esplendor dun imperio, o azteca, que creceu a costa do sangue dos seus semellantes, e que nos quere convencer de que, coa caída dese imperio, os pobos orixinarios destas terras fomos derrotados.
Nin o Estado Español nin a Igrexa Católica teñen que pedirnos perdón de nada. Non nos faremos eco dos farsantes que se montan sobre o noso sangue e así esconden que teñen as mans manchadas dela.
De que nos vai pedir perdón a España? De ter parido a Cervantes? A José Espronceda? A León Felipe? A Federico García Lorca? A Manuel Vázquez Montalbán? A Miguel Hernández? A Pedro Salinas? A Antonio Machado? A Lope de Vega? A Bécquer? A Almudena Grandes? A Panchito Varona, Ana Belén, Sabina, Serrat, Ibáñez, Llach, Amparanoia, Miguel Ríos, Paco de Lucía, Víctor Manuel, Aute siempre? A Buñuel, Almodóvar e Agrado, Saura, Fernán Gómez, Fernando León, Bardem? A Dalí, Miró, Goya, Picasso, El Greco y Velázquez? A parte do mellor do pensamento crítico mundial, co selo da “A” libertaria? Á República? Ao exilio? Ao irmán maia Gonzalo Guerrero?
De que nos vai pedir perdón a Igrexa Católica? Do paso de Bartolomé de las Casas? de Don Samuel Ruiz García? De Arturo Lona? De Sergio Méndez Arceo? Da irmá Chapis? Dos pasos dos sacerdotes, irmás relixiosas e segrares que camiñaron ao pé dos orixinarios sen dirixilos nin suplantalos? De quen arrisca a súa liberdade e vida por defender os Dereitos Humanos?
-*-
O ano do 2021 cumpriranse 20 anos da “Marcha del Color de la Tierra”, a que realizamos, xunto cos pobos irmáns do Congreso Nacional Indígena, para reclamar un lugar nesta Nación que agora se esborralla.
20 anos despois navegaremos e camiñaremos para dicirlle ao planeta que, no mundo que sentimos no noso corazón colectivo, hai lugar para todas, todos, todoas. Simple e sinxelamente porque ese mundo só é posible se todas, todos, todoas, loitamos por levantalo.
As delegacións zapatistas estarán conformadas na súa maioría por mulleres. Non só porque elas pretenden así devolver a aperta que recibiron nos encontros internacionais anteriores. Tamén, e sobre todo, para que os varóns zapatistas deixemos claro que somos o que somos, e non somos o que non somos, grazas a elas, por elas e con elas.
Convidamos a que o CNI-CIG forme unha delegación para que nos acompañe e sexa, así, máis rica nosa palabra para a outra que lonxe loita. Especialmente convidamos a unha delegación dos pobos que levantan o nome, a imaxe e o sangue do irmán Samir Flores Soberanes, para que a súa dor, a súa rabia, a súa loita e resistencia chegue máis lonxe.
Convidamos a quen teñen como vocación, afán e horizonte as artes e as ciencias, a que acompañen, á distancia, os nosos navegares e pasos. E que dese modo nos axuden a difundir que nelas, ciencias e artes, está a posibilidade non só da supervivencia da humanidade, tamén dun mundo novo.
En resumo: saímos cara Europa no mes de abril do ano 2021. A data fecha e a hora? No as sabemos… aínda.
-*-
Compañeiras, compañeiros, compañeroas: Irmás, irmáns e hermanoas:
Este éo noso afán:
Frente aos poderosos trens, as nosas gamelas.
Fronte ás termoeléctricas, as lucernas que as zapatistas demos en custodia a mulleres que loitan en todo o mundo.
Fronte a valados e fronteiras, o noso navegar colectivo.
Fronte ao gran capital, una milpa en común.
Fronte a destrución do planeta, unha montaña navegando de madrugada.
Somos zapatistas, portadorxs do virus da resistencia e a rebeldía. Como tales, iremos aos 5 continentes.
É todo… polo momento.
Desde as montañas do Sueste Mexicano. En nome das mulleres, homes e otroas zapatistas.
Subcomandante Insurxente Moisés. México, outubro do 2020.
P.D.- Si, é a sexta parte e, como a viaxe, seguirá en sentido inverso. É dicir, seguiralle a quinta parte, daquela a cuarta, despois a terceira, continuará na segunda e terminará coa primeira.