Publicación orixinal en Enlace Zapatista.
20 de xuño de 2020.
Serían as 06:59 –hora de México- do día 20 de xuño do 2021, cando, desde La Montaña e entre un horizonte bretemoso, albiscouse terra da península ibérica. Serían as 09:14:45 cando o navío fondeou na enseada de Baiona ou Bayona, Galicia, Estado Español, Europa. Queda cerca, “a tiro de pedra”, a xeografía llamada Portugal, e un chisco ao Noreste avístase Vigo.
Tod@s ben de saúde. Por cuestións de papelame e etcétera, La Montaña e o Escuadrón 421 permanecerán aquí até, tentativamente, o día martes 22 ás 17:00 –data e hora de Vigo-, na que se fará o desembarco.
A Guardia Civil do Estado Español abordou a nave, tomou os datos da tripulación e a pasaxe, revisou os pasaportes e realizou a inspección rutineiro. Sen novidade. Condicións climatolóxicas: neboento, choivas febles pero frecuentes, 15 grados centígrados.
Ao pouco achegáronse varios veleiros con compas da Europa insubmisa, para dar a benvida… ou para comprobar se eran certos os murmurios que corren polos barrios, campos e montañas do mundo: “as zapatistas invadiron Europa”.
En terra, ao pé do que semella un faro, outro grupo berraba algo como “rendémonos”… Nah, é broma. Berran que Zapata Vive, que Benvid@s, que… non se entende ben. Amosan pancartas e debuxos. Até onde se albisca, non hai sinais ofensivas –o que pode indicar que non nos repudiaron… polo momento-. Algunha desubicada leva un cartaz que di: “Comedor La Palomita Insurrecta. Caldo galego, empanadas ídem e xoubas. Descontos especiais para invasor@s, escaravellos e gato-cans”. Noutro cartaz lése “Sacádeme de aquí!”. As persoas máis asisadas usan as pancartas como paraugas.
O ceo europeo chora estremecido. As súas bágoas mestúranse coas que humedecen os beizos –curados a base de sol, mar, angurias e adrenalina-, do ousado Escuadrón 421. Nas súas pegadas, nas súas olladas, no seu latexar, os pobos maias -así contará a lenda-, cruzaron o Atlántico en 50 días coas súas noites, na súa longa e axitada travesía pola vida.
Fóra vai frío, pero dentro, na xeografía do corazón, algo como un sentimento tempera o espírito. Nas montañas do sueste mexicano o sol sorrí e, do equipo de son, saen ledas as primeiras notas dunha cumbia.
Claro, falta o desembarco, o traslado da delegación aérea, a organización da axenda, os encontros,… e a festa da palabra.
É dicir, falta todo.
SupGaleano.
Xuño do 2021
Música: “La Cumbia del Sapito”. Alfredo y sus Teclados.