Publicación orixinal en Enlace Zapatista.

Maio do 2021.

  Foron momentos dramáticos. Acurralado, entre cabos soltos e a borda, o bichito ameazaba coa súa lanza á mariñería, mentres de esguello observaba ao mar embravecido, onde un Kraken, da especie “kraken escarabujos” –especialista en comer escaravellos-, axexaba.  Entón, armouse de valor o intrépido polisón, ergueu os seus múltiples brazos ao ceo e a súa voz ruxiu, acalando o ruído das ondas ao bater contra o casco de La Montaña:

  Ich bin der Stahlkäfer, der Größte, der Beste!  Beachtung! Hör auf meine Worte¡ (eu son o escaravello de aceiro, o máis grande, o mellor.  Atención!  Escoitade as miñas palabras!)

  A mariñería detívose de súpeto.  Non porque un insecto esquizofrénico retásea cun pau de limpar a dentame e unha cuberta de plástico. Tampouco porque lles falase en alemán. Foi porque ao escoitar a súa lingua materna, despois de anos de escoitar só o español tropical costeño, transportoulles á súa terra como por un raro encantamento.

  Gabriela diría despois que o alemán do bichito estaba máis preto do alemán dun migrante iraniano que do Fausto de Goethe. O capitán defendeu ao polisón, alegando que o seu alemán era perfectamente entendible. E, como onde manda capitán non goberna Gabriela, Ete e Karl aprobaron, e Edwin, aínda que só entendeu a palabra “cumbia”, estivo de acordo. Así que o que lles narro, é a versión do bicho traducida do alemán:

-*-

  “A vacilación dos meus atacantes deume tempo para refacer a miña estratexia defensiva, recompoñer a miña armadura (porque unha cousa é morrer nun combate desigual e outra moi distinta é facelo en fachas), e lanzar a miña contraofensiva: un relato…

  Foi hai algunhas lúas, nas montañas do Sueste Mexicano. Quen aí viven e loitan, lanzaran un novo desafío para si mesmas. Pero neses momentos, vivían na zozobra e o desalento porque carecían dun vehículo para a súa travesía. Así foi ata que eu, o grande, o inefable, o etcétera, Don Durito da Lacandona A.C. de C.V. de R.L. cheguei ás súas montañas (as siglas, como todos deben saber, significan “Andante Cabaleiro de Cabalgadura Versátil de Irresponsabilidade Ilimitada”). Tan pronto se correu a voz da miña chegada, multitude de mozas, infantes de todas as idades, e mesmo anciás, correron, rápidas e veloces, a aclamarme. Pero eu mantívenme firme e non sucumbín á adulación. Dirixinme entón aos aposentos de quen se encargaba da malograda expedición. Por un momento confundinme: a impertinente nariz de quen facía e refacía as contas imposibles para sufragar os gastos da expedición punitiva contra Europa, fíxome lembrar a aquel capitán, que despois sería coñecido como o SupMarcos, ao que orientei durante anos e a quen eduquei coa miña sabedoría. Pero non, aínda que parecido, quen se di chamar SupGaleano ten aínda moito que aprender de min, o máis grande dos andantes cabaleiros.

  En fin, que non tiñan embarcación. Cando puxen á disposición deses seres o meu navío, o devandito Sup, con sarcasmo, respondeume: “pero aí só cabe un, e ten que ser moi pequeno, e é… unha lata de sardiñas!”, referíndose así á miña fragata, cuxo nome, “Pon as túas barbas a remollo” nomeábaa a babor, á altura da proa. Fixen caso omiso de tal impertinencia e, camiñando por entre a multitude que anhelaba unha mirada miña, unha palabra polo menos, dirixinme cara á illa “Non ten nome”, descuberta por quen isto narra en 1999. Xa no alto da súa, agora si, touca arborizada, esperei paciente ao alborexar.

  Maldixen entón ao averno, convoquei a deusas de todas as latitudes, chamei pois á máis poderosa delas: a bruxa escarlata. Ela, a desprezada polos outros deuses, dados como son ao machismo barallocas e de espectáculo. Ela, a afastada polas outras deusas, dadas á beleza falsa de afeites e cosméticos. Ela, a bruxa escarlata, a bruxa maior: Oh, die scharlachrote Hexe!  Oh, die ältere Hexe!

  Coñecendo eu que as probabilidades de que eses seres estraños, autonomeados zapatistas, conseguisen unha embarcación digna, eran máis ben poucas, ben sabía que só o máis poderoso dos poderes máxicos podería sacalos do apuro e cumprir coa súa palabra. Ergo, chamei á bruxa maior, a de roupaxe purpúrea, quen pode alterar a posibilidade de que algo ocorra. Ela fixo contas e contos e chegou á conclusión de que, en efecto, a probabilidade de que conseguisen unha embarcación era case de cero. Así dixo:

  “Pero nada podo facer, si non hai un pedimento. E non calquera pedimento. Debe ser feita por un Titán, un ser grandioso e magnánimo que ao seu bo talante acubille a quen necesitan dun máxico evento”.

  E quen mellor ca min?, bramei sonoro. A dama do manto carmesí alzou a man demandando o meu silencio. “Non é todo”, rumoreou. “Preciso é que o tal Titán arrisque a súa vida, a súa fortuna e renome na odisea que eses seres pretenden. Isto é, que lles acompañe co seu alento e bondade e, xunto a eles, aínda que non ao seu lado, afronte desafíos e pesares. Isto é, estará e non estará”.

  Concordei pois a miña fortuna son as miñas proezas, arrisco a vida con só existir e, ben, a miña sona está polos sotos do mundo.

  A bruxa irmá fixo pois o que se fai nestes casos: acendeu a súa computadora, conectouse a un servidor en Alemaña, premeu as teclas un non sei que conxuro, modificou unha gráfica de probabilidades e subiu, de case cero a 99,9 % a porcentaxe, tecleou de novo e un murmurio da súa impresora delatou o papel que dela saía. Non sen antes apreciar a modernización que hai no gremio de bruxas escarlatas e similares, tomei nota. Unha única sentenza enchíaa:

Se o titán de aceiro é, atope o seu semellante que diso depende o faltante

  Que significaba aquilo? Onde podería eu atopar a algo ou alguén, xa non digo parecido, senón digamos próximo, aínda de lonxe, á miña grandeza? Titáns non hai moitos. De feito, segundo a wikipedia de abaixo e á esquerda, son o único que prevalece. Entón ” de aceiro”. O home de aceiro?, dubídoo; non creo que a bruxa escarlata recomende a un varón. Entón unha fémina ou femia de aceiro.

  Moito andei. Percorrín desde a Patagonia ata a afastada Siberia. Crucei camiños co digno Mapuche, berrei coa Colombia ensanguentada, atravesei a doída pero persistente Palestina, pasei polos mares tinguidos da pena negra das migrantes, e volvín sobre os meus pasos, crendo, erroneamente, que fracasara na miña misión.

  Pero, ao desembarcar na xeografía que chaman “México”, algo chamou a miña atención. Sobre augas turquesa un navío padecía os arranxos e parches que a súa mariñería lle daba . “Stahlratte”, líase nun costado. Como á bruxa escarlata atopeina na Alemaña de abaixo, e esa palabra significa “rata de aceiro” na súa lingua, decidín probar fortuna. Agardei, con sabia paciencia, a que noite e sombras acubillasen a soidade do barco. Gabeei con habilidade pola proa e, bordeando por estribor, cheguei a onde se atopa o centro de mando ou goberno da nave. Nela, un varón maldicía en lingua xermánica con aldraxes e inxurias que provocarían o pesar ao mesmo averno. Algo dicía da mágoa que dá deixar mares e aventuras. Souben entón que o navío contaba os seus últimos días, e o seu capitán e tripulación pesadelos tiñan dunha vida en terra firme. As bruxas escarlatas de todo o mundo confabulaban ao meu favor e ventura. Pero todo dependía de min, do escaravello de aceiro inoxidábel, do máis grande dos andantes cabaleiros, de etcétera, para atopar “o faltante”. Agardei entón a que o capitán cesase nos seus queixumes e maldicións. Cando deu calado e só un choro afogáballe a gorxa, trepei ao timón e encarándoo dixen: “Eu Don Durito, ti quen?”. O capitán non tatexou ao responder “Eu capitán, ti polisón”, mentres agarraba un xornal ou revista e ameazaba con oprimir así a miña fermosa e esvelta figura. Foi entón que, con voz potente, presenteime. O capitán dubidou e gardou silencio e xornal ou revista.

Despois, bastaron unhas cantas frases para que ambos entendésemos que eramos xente de mundo, aventureiras por vocación e elección, seres dispostos a enfrontar calquera desafío por impoñente e terrible que fose.

Xa en confianza, referinlle eu a historia dunha odisea en curso, algo que enchería maís adiante os libros das historias por vir, o máis perigoso e ingrato dos quefaceres: a loita pola vida.

Prodigueime en detalles, faleille dunha embarcación construída no medio das montañas, sen máis auga que a da choiva para darlle vocación e razón de ser. Faléille de quen decidiran abrazar tal atrevemento, de lendas sobre unha montaña que se nega á prisión dos seus pés en terra, de mitos e lendas maias en voz dos seus orixinarios.

O capitán acendeu un cigarro, ofreceume un pero houben de rexeitalo ao sacar a miña pipa. Compartimos o lume e o fume do tabaco.

O capitán gardou silencio e, logo dalgunhas caladas dixo algo como: “de veras que gran honor sería sumarse a tan nobre e aloucada causa”. E agregou: “non teño tripulación agora, pois estamos xa ao retiro, pero estou seguro que mulleres e homes achegaranse con tan só o encanto desta historia. Ve cos teus e dilles que conten co que somos, humanos e navío”.

Rematada a miña historia, dirixinme a quen ameazaban con arroxarme pola borda: “E así foi como vostedes, simples mortais, que se embarcaron nesta aventura. Así que deixádeme en paz e volvédevos aos vosos traballos e enseres, que eu hei de vixiar que o Kraken deixe en paz a nosa casa e camiño. Para iso chamei a peixes amigos que o manterán ausente”.

-*-

E záz!, que nese momento alguén en cuberta berra “Golfiños!” e todas subiron a cuberta armadas de cámaras, móbiles ou só os seus ollos asombrados.

No barullo, Durito, o máis grande dos Titáns, o único heroe á altura da arte, o cómplice de magos e bruxas, escapou e gabeou de novo a, agora si, á cofa e desde aí entoou cánticos que, xúroo, eran replicados polos golfiños que, entre ondas e sargazo, bailaban pola vida.

-*-

Máis tarde, na cea, o capitán confirmou a historia do bichito. E desde ese momento o bichito deixou de ser “o bichito” e é chamado, a partir dese evento, “Durito Stahlkäfer“, “Durito, o Escaravello de Aceiro”.

“Unha raia máis ao tigre”, debeu dicir o finado SupMarcos, tres metros baixo cuberta, err…, quixen dicir, baixo terra.

Agora, con camaradaría, Gabriela corríxe a Stahlkäfer a pronuncia xermánica; no ombreiro de Ete, Durito sobe todo o máis alto do pau maior; acompaña a Carl cando toma o timón e divírtelle con historias terribles e marabillosas; sobre a cabeza de Edwin diríxelle no despregar e arriar do velame; e nas madrugadas comparte co Capitán Ludwig o tabaco e a palabra.

E, cando o mar embravece e o vento aumenta o seu lascivo cortexo, o máis grande exemplar da andante cabalería, Stahlkäfer, entretén ao Escuadrón 421 relatando lendas incribles. Como aquela que narra a historia absurda dunha montaña que barco se fixo pola vida.

Dou fe.

SupGaleano.
Planeta Terra.

Nota: O vídeo dos golfiños convocados por Stahlkäker foi tomado pola Lupita, porque o equipo de apoio da Comisión Sexta, encargado de tal misión, estaba ocupado… gomitando.  Si, de mágoa allea. Agora o Escuadrón 421 ten como misión apoiar ao equipo de apoio. E aínda hai que atravesar o Atlántico (suspiro).



Música: «La Bruja», son jarocho interpretado por Sones de México Ensamble, con  Billy Branch. 

Imaxes: parte da travesía de La Montaña, arribada e desembarco en Cienfuegos, Cuba; e reunión do Escuadrón 421 para ollar a páxina de Enlace Zapatista.

IMG_20210503_185716
IMG_20210503_190656
IMG_20210503_184649
IMG_20210503_184630
IMG_20210503_185121
IMG_20210504_184717
vistamarialg
IMG_20210504_180504
IMG_20210504_184629
anclamlg
desayunomlg
marialagorda
arreglandoescota
puestasolporislajuventud
lupitaescribe
aguastranquilas
marijosentada
leyendocomunicado
llegando
regresomigra
fuerteaentrada
100alavista
marinatras
rumbomigra
321
1_regresomigra
enelpuente
platica
hotelatras
caro
Categories: porlavida